Xeiras gastronómicas

Un ano máis celebramos as nosas Xeiras gastronómicas, desta vez no inverno, con deliciosos pratos vascos, cataláns e galegos. Ficades todas convidadas! Cando e onde? O xoves 29 de xaneiro ás 18.00 na aula H5.5.16 do GWZ.

Animádevos a compartir connosco os mellores pratos da nosa gastronomía!

O comer e o rañar, éche cousa de empezar.
Menjant, menjant, ve la gana.
Jan eta kantatu, hasiz gero ezin bukatu.
Der Appetit kommt beim Essen.

Kulinarisches Treffen 2015

Publicado en Gastronomía | Comentarios desactivados en Xeiras gastronómicas

O ladrón de palabras

Velaquí vos deixo un fermoso relato de Sechu Sende que nos permitirá reflexionar sobre as historia social da lingua galega, sobre os distintos personaxes e factores que nela influíron e sobre a nosa situación sociolingüística actual.

Tende conta de non vos atopar co ladrón do coitelo e o sorriso cun dente de ouro polo camiño…

Era un país hai moito tempo no que as palabras eran valiosas como o pan ou a auga, como en todos os países do mundo.

Un día chegou un estranxeiro e parou a falar cunha muller nun camiño. Aquel home levaba un coitelo ao cinto e un dente de ouro. Estiveron falando e falando e, nun momento dado, o estranxeiro fixo así coa man e rouboulle unha palabra á muller e saltou ao cabalo e marchou a galope.

O ladrón de palabras seguiu galopando até que chegou a unha aldea. Alí entrou nunha pousada e púxose a falar cun médico que viña de curar un enfermo. O ladrón sacou unha moeda de ouro e dixo:

Cámbioche esta moeda de ouro polas tres últimas palabras que acabas de dicir.

O médico dixo que non. As palabras non son miñas, que son de moita outra xente. Mais o ladrón de palabras agardouno no bosque e púxolle na gorxa o coitelo e rouboulle aquelas tres palabras sen perder o sorriso dourado.

Ao día seguinte o ladrón chegou a unha cidade e entrou nun pazo. Nunha man levaba unha bolsa con ouro e noutra, unha bolsa con palabras. Díxolle ao señor mostrándolle o ouro:

Mércoche todas as palabras que pronunciaches hoxe.

Non —dixo o nobre—, as palabras non se venden.

Mais o estranxeiro ameazouno co coitelo e rouboullas unha a unha.

Máis adiante, o ladrón de palabras asaltou un home que viaxaba a cabalo. Era un poeta especialista en cancións de amor. O ladrón sacou a daga e díxolle:

As palabras ou a vida.

O poeta respondeu:

As palabras non son miñas, son do meu pobo. Eu nunca as vendería.

Mais o ladrón de palabras foi contra el e arrincoulle as palabras do corazón.

Axiña correu a voz por todo o país de que lles estaban roubando as palabras. E moita xente botou man das armas para defendelas. Cóntase que, de entre toda a xente da vila, os que mellor protexeron as palabras foron os labregos coas gadañas e as fouciñas, e os mariñeiros, cos coitelos e os arpóns. E que as mulleres máis valentes as escondían nas faldriqueiras ou nas camisas de liño.

Mais o ladrón de palabras continuou roubándolles as palabras mesmo ás nenas que aprendían a ler e aos nenos que ían mercar zapatos. E aos mestres nas escolas e aos avogados que sabían de leis. E pouco a pouco aquel país seguiu perdendo moitas das súas palabras e foise facendo día a día cada vez máis pobre porque era o país ao que lle roubaban as palabras.

Dise que a xente para protexer as palabras e gardalas en segredo mesmo as deixou de escribir. E que por medo ao ladrón de palabras moitas persoas, desconfiadas, durante séculos só pronunciaban as súas palabras coa familia ou entre xente amiga.

Así pasaron os anos e cóntase que naquel país aínda hai xente que segue tendo medo do ladrón de palabras. E hai quen di que ás veces o ladrón segue aparecendo nunha parada de bus ou nunha floraría ou nunha escola cunha bolsa e un coitelo e un sorriso cun dente de ouro.

Sende, Sechu, Made in Galiza, Galaxia, Vigo, 2007

Publicado en Literatura | Comentarios desactivados en O ladrón de palabras

“Namorada do galego, namorada de Galicia.” A experiencia de Ana Lucía en Santiago de Compostela

Do mesmo modo que o ano pasado decidín facer un curso de verán na Coruña, este ano escollín un novo destino, Santiago de Compostela, e aínda que xa fai dous meses que rematou o curso e que marchei de Galicia, lémbrome de todo o que vivín alí como se acontecese onte.

Cheguei o primeiro de xullo pola mañá nun voo directo de Málaga a Santiago. Nada máis chegar sentinme moi contenta, pois pensei que se a experiencia do ano pasado fora fantástica, a de este ano tería que selo tamén. Pola internet alugara unha habitación no barrio de San Pedro, que está a carón do casco vello de Santiago; así podería chegar a todas partes en pouco tempo. Eran as dez e media da mañá cando unha das miñas compañeiras de piso me recibiu moi amablemente e, nese instante, comezou a miña estadía en Santiago de Compostela.

Sigue lendo

Publicado en Achegas do alumnado | Etiquetado , , | 1 comentario

Galegos en Leipzig: experiencias do estudantado Erasmus

En Leipzig tamén o estudantado galego asiste ás aulas do lectorado. Neste vídeo un grupo de Erasmus cóntanos como foi a súa experiencia galega en Alemaña durante o semestre de inverno pasado. Animádevos a velo, non ten desperdicio!!

Publicado en Achegas do alumnado, Lingua | Etiquetado , , | Comentarios desactivados en Galegos en Leipzig: experiencias do estudantado Erasmus

“A Coruña: un tesouro pouco coñecido no norte de España!” A experiencia de Karolina en Galicia

Eu participei no VI Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Persoas Estranxeiras este xullo, na Coruña. Foi unha experiencia grandiosa. Vin moito, fixen moito e agora quero compartir as miñas experiencias convosco.

Sigue lendo

Publicado en Achegas do alumnado, Lingua | Etiquetado , , | Comentarios desactivados en “A Coruña: un tesouro pouco coñecido no norte de España!” A experiencia de Karolina en Galicia

Algunha música galega actual

Apetéceche escoitar música en galego? Nesta presentación poderás atopar algunhas ideas… bótalle unha ollada e busca os distintos grupos, moitos deles ata ofrecen os seus discos de balde!

Publicado en Lingua, Outras cousiñas | Etiquetado , | Comentarios desactivados en Algunha música galega actual

Música galega tradicional

Se queres saber máis da música tradicional galega, bótalle un ollo a esta magnífica presentación feita por Anna-Lena. Nela poderás topar toda a información que precises sobre o tema: tipos de instrumentos, os traxes tradicionais, ritmos, bailes e cantares.

Publicado en Achegas do alumnado | Etiquetado , , | Comentarios desactivados en Música galega tradicional

Festas populares en Galicia II

Velaquí a segunda edición de festas populares galegas cunha presentación de Karolina Schmidtke: festas do Apóstolo Santiago, festa da Dorna e Rapa das Bestas.

Publicado en Achegas do alumnado | Etiquetado , , | Comentarios desactivados en Festas populares en Galicia II

Festas populares en Galicia I

Michelle preséntanos dúas festas populares galegas: o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e o Arde Lucus. Animádesvos a participar?

Publicado en Achegas do alumnado | Etiquetado , , | Comentarios desactivados en Festas populares en Galicia I

Tradicións: A noite máis meiga do ano

O 24 de febreiro é un día especial para todos os galegos, pois é case imposible que o solsticio de verán pase desapercibido, especialmente na fermosa cidade da Coruña. As praias de Riazor e Orzán séguense enchendo de mozos e mozas cada ano, que, en busca de diversión e espantar todos os males, prenden fogueiras ao longo de toda praia.

Dende 1962 ata o día de hoxe mantivéronse as tradicións para estas festas, que son tan entrañables que mesmo foron declaradas de interese turístico nacional. Así, dende o 20 ao 24 de xuño toda a cidade se prepara para celebrar esta noite de “purificación”, pois o que se tenta é espantar os malos espíritos e conseguir boa sorte; para isto hai varios rituais: saltar por riba das cacharelas nove veces, recoller ou comprar as herbas aromáticas para deixalas a remollo e facer a “auga de San Xoán”(a herba imprescindible é o fiúncho), ou beber unha boa cunca de queimada, feita con augardente, froitas e azucre.

O momento máis esperado é a media noite do día 23 ao 24, posto que é o momento de prenderlles lume ás fogueiras. No paseo marítimo encontramos a “gran fogueira” que ten, ademais dunha bruxa, varios elementos que aluden e satirizan acontecementos relevantes do ano. Esta está rodeada de xente curiosa, tamén interesada en ver os fogos artificiais, que xunto coa luz de todas a fogueiras iluminan o ceo coruñés.

Días como este enriquecen a cultura galega, pois o noso folclore está cheo de lendas e supersticións que vale a pena seguir mantendo, xa que son parte de nós.

Lucía Romero

Publicado en Achegas do alumnado | Etiquetado , , | Comentarios desactivados en Tradicións: A noite máis meiga do ano