Opinións do alumnado

Velaquí as opinións dalgúns dos nosos alumnos sobre algunhas das lecturas que fixeron en galego:

    • Cartas de inverno
    • Non volvas
    • O club da calceta
    • Ollos de auga
    • Un ollo de vidro

A novela gustoume moito. Lese rapidiño, non é moi complicado seguir a historia aínda que non se entenda cada palabra. En xeral ten una linguaxe bastante sinxela. Gústame que sendo literatura xuvenil a novela é bastante madura e a forma de contar a historia mediante cartas fai que o lector se identifique moito máis cos personaxes e se sinta case dentro da historia. O contido é unha boa mestura de modernidade e pasado, contrastan o pragmatismo de hoxe en día e mais lendas vellas e a superstición. (Katja Bode, SS 2011.)

Trátase dunha novela para novos, pero que como está moi ben escrita pode ser lida tamén por adultos. Aínda que se trata dunha historia de medo e que hai moitas historias destas, a forma de escribila é moi orixinal, xa que a trama se conta por medio de cartas. Tamén é moi innovadora noutra cousa, porque normalmente nas novelas para xente nova os protagonistas son xente nova, mais aquí os protagonistas son adultos. (Ana Lucía Martín, SS 2011.)

A novela, como libro xuvenil, é unha historia moi ben relatada. O fío condutor das cartas e a tensión que provoca o misterio da casa, fan ler o libro practicamente dunha soa vez. Podería dicir incluso que nalgún punto do relato sentín moita intriga por saber que era aquel ser misterioso do que se falaba e non puiden parar de ler. (Bruno Riobó, SS 2011.)

Penso que o libro é interesante. Trata diferentes temas: ademais de contar a historia da protagonista (unha muller que abandona a súa vida na cidade e volve á aldea da súa infancia, onde súa nai lle pediu que non volvese), aborda temas como o maltrato e o desprezo cara ás mulleres, o franquismo e tas relacións familiares.(Marta Gutiérrez, WS 2011/2012)

Neste libro a autora conta a historia de seis mulleres moi distintas que coinciden no club e cambian a súa vida; ou conta seis historias moi distintas que logo se unen nunha. Iso depende do punto de vista da lectora. (Non digo “da lectora” porque sexa un libro que os homes non poden ler, pero tendo en conta a ideoloxía da autora e do libro paréceme apropiado usar a forma feminina.) Matilde, Anxos, Elvira, Luz, Fernanda e Rebeca son mulleres moi distintas, levan vidas aínda máis distintas, teñen preocupacións distintas. Non obstante teñen algo en común: a todas gústalles calcetar e todas sofren dalgunha maneira da opresión por un home. No club atopan distracción, amigas e incluso solucións para os seus problemas.

É difícil establecer unha categoría para o libro. É unha historia criminal, un Bildungsroman de certa maneira, un retrato da sociedade galega tal vez ou un retrato de certos tipos de mulleres. Cambia o punto de vista e a estratexia narrativa. Ten partes que se len soas e partes que ao mellor custan máis ler, conforme a personaxe, a súa vida e as súas características. Iso pode resultar estraño ao principio, pero tamén é o que (aparte da historia en si) máis me impresionou.

En todo caso, é unha historia (ou historias) que abraia, que fai ilusión e que provoca a impresión de que -se o queremos e nos esforzamos- algo se podemos cambiar, como fixeron as rapazas do club da calceta. (Katja Bode, SS 2012)

Encantoume a novela, lina nunha soa tarde, xa que engancha moitísimo, mantente entretido ata practicamente a última folla do libro. Ademais, un factor extra é o lugar onde está contado. Vigo e, en especial, Toralla, coñézoos moi ben, xa que pasei moito tempo alí e cando fala das paisaxes, da illa, das súas praias… sentín como podía meterme dentro do conto, posto que lle poñía imaxes reais á istoria. Quedei abraiada pola crueza do asasinato, polo humor dos dous protagonistas principais, presente en cada páxina, pola ironía dos diálogos… que fan a lectura moi divertida. (Sara García, WS 2011/2012)

O libro é a mestura perfecta entre o humor e a tristeza, é como a personaxe do enterrador, “un home de ben” que conta “cousas tráxicas que fan rir” ou “cousas de rir que arrepían”. Castelao consegue no seu relato das memorias dun esqueleto manter o lector atento todo o tempo, pero sobre todo divertido e moi entretido. Unha vez se comeza a ler, non se pode deixar ata que se remata. O paseo polas tombas do cemiterio ensínanos uns esqueletos que máis que mortos parecen estar ben vivos, xa que representan personaxes que todos algunha vez coñecemos na nosa vida. A única diferenza é que as personaxes se atreven a dicir cousas que moitas veces os vivos non ousamos dicir debido ás regras sociais que rexen e guían o noso comportamento. Os padecementos dos mortos n’ Un ollo de vidro mostran un retrato fiel dos males da sociedade actual como a tristura, a saudade, a decepción e frustración das ilusións que leva á xente a morrer de tristura, de saudade, ao suicidio. Eu creo que unha das reivindicacións do libro, concienciar o pobo galego da capacidade da súa lingua como lingua de cultura, tan apta como calquera lingua romance para expresar os sentimentos máis excelsos propios do ser humano, conseguiuna sen lugar a dúbida. (Elia Hernández, WS 2011/2012)