CEG de Leipzig

O Centro de Estudos Galegos de Leipzig, inaugurado en outubro de 2010 grazas ao convenio firmado entre a Universidade de Leipzig (Alemaña) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, ofrece cursos de lingua, tradución, literatura e cultura galegas. O ensino do galego encádrase dentro dos estudos de grao e máster de Translatoloxía que se imparten no Departamento de Lingüística Aplicada e Translatoloxía, aínda que tamén se lles ofrece aos alumnos doutras carreiras a posibilidade de escoller as materias de galego como optativas ou libre elección. Así, o galego pode escollerse como segunda ou terceira lingua, ao igual que o inglés, o francés, o español, o ruso e o catalán. Todos os cursos están abertos a persoas alleas á comunidade universitaria.

A Universidade de Leipzig é a única fóra de Galicia na que o galego está plenamente integrado nos estudos de Tradución e a única do mundo onde a nosa lingua se estuda nesta carreira sen ser ter o carácter de lingua materna. Ademais, ofrece combinacións lingüísticas que tampouco en Galicia se poden escoller, como por exemplo, materias de tradución galego-alemán e alemán-galego, xa que o alemán en Leipzig é sempre a primeira lingua e en Galicia só se pode cursar como terceira.

Ademais de dedicármonos á docencia, no CEG de Leipzig tamén levamos a cabo actividades extracurriculares para a promoción da lingua e cultura galegas entre a comunidade alemá e pretende ser un vínculo de unión entre Galicia e todas aquelas persoas que se interesen pola nosa lingua e cultura.

Se queres saber máis sobre o noso labor, colaborar co  CEG ou simplemente contactar connosco, non dubides en escribirnos!