“A Coruña: un tesouro pouco coñecido no norte de España!” A experiencia de Karolina en Galicia

Eu participei no VI Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Persoas Estranxeiras este xullo, na Coruña. Foi unha experiencia grandiosa. Vin moito, fixen moito e agora quero compartir as miñas experiencias convosco.

1. Viaxe

A viaxe resultou a parte máis complicada de todo. Para aforrar diñeiro reservei un voo ao Porto (Portugal). Pensei que non debería ser un problema viaxar do Porto a España, pero equivoqueime. Primeiro, só hai autobuses que van entre Portugal e España, e segundo, os autobuses van con pouca frecuencia, especialmente nas fins de semana. Cheguei ao Porto o sábado e tiven que pasar unha noite alí. E o mesmo na miña volta, tiven que pasar moitas horas no aeroporto porque non había un autobús máis tarde. Ao final aforrei algo, pero tiven máis estrés.

O meu consello: é mellor buscar un voo directamente á cidade. A Coruña ten un aeroporto propio e seguramente non hai problemas coa comunicación. Pódese tamén chegar a outra cidade en España porque, en xeral, viaxar no país non é tan difícil. Non recomendaría chegar a un sitio a máis de 300 km, porque desa maneira a viaxe podería resultar máis complicada.

2. Aloxamento

Grazas á miña profesora de galego de Leipzig encontrei o aloxamento perfecto para min: un piso de catro cuartos cun salón, unha cociña e dous baños. O mes que estiven alí vivín soa porque non había ninguén máis que alugase un cuarto no piso. A localización do piso pareceume perfecta. Había un parque (o parque de Santa Margarida) ao lado. O piso non estaba xustamente no centro da cidade, pero a pé necesitaba só uns 15 minutos para chegar alí. Tamén había 15 minutos para ir a praia. A parada de autobús para ir á facultade de Filoloxía estaba a 7 minutos do piso. Nunca utilicei o autobús para moverme na cidade, sempre fun a pé. As distancias son curtas e así vense máis cousas.

3. Cidade

“A Coruña: un tesouro pouco coñecido no norte de España!” Iso foi o que pensei despois da miña primeira excursión na Coruña. Quedei moi impresionada e vou explicarvos por que. Primeiro, a Coruña ten unha superficie moi pequena, o que significa que todo está moi preto. Pódese visitar a cidade sen problemas a pé ou tamén en bici. Non fai falta coller o autobús, é dicir, menos gastos. O que me fascinou foi que, aínda que a cidade parece moi pequena, ten unha gran oferta cultural. Hai moitísimos museos de obras diferentes, monumentos, parques e outras curiosidades turísticas. Durante a miña estancia visitei máis de 10 museos e lugares turísticos e teño que dicir que me gustaron moito. Por suposto, uns interesáronme máis ca outros, pero non houbo nada onde me sentise aburrida. Ademais, é útil saber que todos os museos son gratuítos! Sorprendeume cantidade de oferta turística nesta cidade non tan grande. Así, pasei moito tempo descubrindo a cidade a pé cun mapa.

Unha das cousas máis bonitas na Coruña: a praia. Hai varias praias en toda a cidade, así pódese elixir. As praias nunca están tan cheas de xente que non hai sitio. A auga, por suposto, está moi fría, pero claro, falamos dun océano. Una gran vantaxe na Coruña é o tempo. Nunca vai tanta calor que é insoportable. Ademais, coa brisa leve do mar pódese estar fóra todo o día sen sentirse esgotado. É estupendo non sentir bochorno!

Para saír pola noite, a cidade ofrece tamén moitas posibilidades. Polas noites o centro está moi vivo, os bares e restaurantes están cheos de xente. Hai moita vida na Coruña. Ademais, hai sitios para bailar, discotecas etc.

O meu consello: no banco “Novagalicia” pódese mercar a tarxeta “Metropolitana” (2 €) para ter descontos no transporte público. Eu recomendaría mercar a outra que custa 10 €, coa que se poden alugar bicis durante un mes. Desgraciadamente non sei o nome desa tarxeta.

4. Curso

Ben, con que empezar! O primeiro día cheguei tarde porque me perdín na cidade. Cando cheguei, non había ninguén alí, pero había xente moi amable que me axudou a encontrar o grupo. Todos me recibiron de forma moi cariñosa.

As clases, en xeral, foron moi interesantes. Non seguimos estritamente o libro de traballo, traballamos máis nos nosos problemas coa lingua galega. A profesora sempre nos preguntou onde tiñamos dificultades ou que precisamos repetir. Orientouse por nós, o cal nos axudou moito. Se tiñamos dúbidas ou problemas, puidemos recorrer a ela. Ademais, ela era moi simpática e amable.

No programa do curso tivemos tamén tres obradoiros. O primeiro foi o obradoiro de música. Alí un profesor tocou a gaita e aprendemos a bailar a muiñeira. No segundo obradoiro, de gastronomía, dous cociñeiros mostráronnos como preparar comida típica de Galicia. Despois, por suposto, nós puidemos comer todo. Foi unha marabilla! O terceiro foi o obradoiro de teatro. Alí estudamos unha peza e o final presentámola ante as nosas profes.

Tamén tivemos dúas excursións, unha á Costa da Morte e outra a Santiago. Vimos moitas cousas e lugares interesantes.

Unha cousa que me gustou moito eran os grupos pequenos en que estudamos. En todo o curso de galego na Coruña houbo só dous grupos, cada un con 8 estudantes. Iso, para min, tivo moitas vantaxes. Nun grupo pequeno a xente coñécese máis rápido e hai máis posibilidades de coñecer a todos. Eu tiven a oportunidade de falar con todos os participantes do curso. O ambiente era moi familiar e todos nos entendemos moi ben. Tamén fixemos todos os obradoiros e as excursións xuntos. Así, tiven contacto con xente moi interesante de todo o mundo. Fixen moitos amigos.

5. A lingua

Non tiven moito contacto coa xente na cidade. Intercambiei unhas palabras coas vendedoras, pero elas sempre me responderon en castelán, aínda que outras persoas tamén me contestaron en galego. Por exemplo, un día un camareiro falounos en galego e alegrouse moito de que nós, estranxeiros, tamén sabiamos falalo. En xeral, hai que dicir que, desgraciadamente, a xente na Coruña fálache en castelán, aínda que intentes falar con eles en galego. Pero como sempre nos dixeron as nosas profes, “Hai que insistir! E se a xente fala en castelán e resposta en castelán, ti segue a falarlle en galego!” Hai que insistir…

Para concluír, só queda dicir que para min foi unha experiencia que nunca vou esquecer. Foi máis que un curso da lingua. A cidade, preciosa, a xente, amable e todas as experiencias alí foron únicas. Só podo recomendar facer o curso e facelo na Coruña!

Karolina Schmidtke

Esta entrada foi publicada en Achegas do alumnado, Lingua e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.