O tempo da vendima

Unha das festas e tradicións máis importantes que se celebran en Galicia é a vendima.

Esta actividade, tanto produtiva coma cultural, baséase na colleita da uva madura e doce que serve de materia prima para a elaboración do viño. Tamén se lle chama así á época do ano na que se realiza esta actividade e que coincide co final do verán.
Aínda que se adoita celebrar a finais de setembro ou comezos de outubro, a calor que faga nese ano ou a zona xeográfica fan que a uva madure máis cedo ou máis tarde. Así, nos vales do interior galego (como a Ribeira Sacra ou Valdeorras) a colleita faise máis cedo ca noutras zonas, debido á maior calor estival. Certas tradicións tamén teñen en conta o cuarto da lúa para decidir a data da vendima.

Para vendimar utilízanse instrumentos como navallas, tesoiras ou coitelos. En xeral, as mulleres son as que fan a corta dos acios das cepas baixas, mentres que os homes se ocupan das altas. Despois, os acios bótanse en cestiños ou capachos e de aí van ós culeiros (cestos grandes de forma moi singular). A continuación, os homes transladan estes cestos ó carro (na actualidade ó tractor) e logo baléiranse dentro da arca. Despois disto, antigamente pisábanse as uvas en vasillas grandes de madeira chamadas píos ou pilas. Hoxe en día, a pisa das uvas foi substituída polo uso de máquinas espremedoras que espremen as uvas coidadosamente deixando caer o viño ó interior dunhas cubas xunto co bagazo para que ferva.

Este duro e longo traballo provoca un forte contacto grupal; por iso é unha actividade eminentemente social. Xeralmente son os veciños ou as propias amizades do dono os que axudan á súa colleita e transporte. Paralelamente, e debido a este forte contacto social, foron aparencendo unha serie de refráns e cantigas vencelladas á vendima.

Hoxe en día, uns dos lugares onde máis sona ten esta tradición son, por exemplo, Leiro, O Rosal ou Dorrón (Sanxenxo). Aquí, ademais das actividades tradicionais, celébranse almorzos populares, fanse desfiles de carrozas, móntanse mercados de productos artesanías e mesmo se poñen inchables para que os máis cativos se divirtan.

María Vivero

Esta entrada foi publicada en Achegas do alumnado, Gastronomía e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.