Crónica do CEG de Leipzig na Lange Nacht der Wissenschaften

Un amplo número de persoas asistiron onte á proxección de cinema galego organizada polo CEG de Leipzig con motivo da terceira edición da Lange Nacht der Wissenschaften (Longa Noite das Ciencias). Neste evento bienal cooperan arredor de corenta institucións coa cidade de Leipzig para ofrecer múltiples e diversas actividades de carácter científico á cidadanía.

A lectora de galego, Diana García Couso abriu o acto cunha presentación sobre o Centro de Estudos Galegos e a continuación Katja Bode, alumna dos cursos máis avanzados de galego, ofreceulle ao público unha introdución á teoría e práctica da subtitulación para logo presentar os problemas que tivo na subtitulación da curtametraxe galega O soldadiño de chumbo en alemán. A continuación proxectáronse serie de curtametraxes galegas en versión orixinal que os alumnos e alumnas do lectorado subtitularon en alemán nos obradoiros de tradución audiovisual que organiza o CEG.

A variedade temática ofrecida e o carácter único do acto garantiron a presenza dun público moi diverso que se mostrou entusiasmado co evento. Entre os asistentes tamén se encontraban algúns dos participantes a Escola de Verán de Translatoloxía, procedentes de distintos países de América do Sur (Chile, Arxentina, Colombia, Brasil…). O CEG de Leipzig participou nesta escola cun curso de tradución audiovisual no que ademais se presentou o proxecto de subtitulación galego-alemán.

Esta entrada foi publicada en Actos e actividades culturais, Cinema, Tradución e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.